A Deputación aproba o acordo para as obras da rúa José del Río
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o novo e definitivo convenio para executar as obras de mellora da rúa José del Río (EP-1201) no municipio de Marín. Foi necesaria a redacción dun novo texto que establece un prazo de vixencia ata o 31 de decembro de 2019, xa que o anterior expiraba este ano.
O convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Marín fora asinado en 2015, pero xa tivera que ser modificado con anterioridade, segundo explica o deputado de mobilidade, Uxio Benítez, porque o proxecto da actuación tamén fora reformado para adaptarse aos novos criterios para o tratamento de estradas e urbanizacións da rede provincial.
Agora, unha vez feitas as derradeiras modificacións, o acordo terá que ser asinado por ambas institución nas vindeiras semanas para estar vixente e proceder á licitación dos traballos.
Segundo establece o novo proxecto, executaranse novas beirarrúas de 2,5 metros de largo e construirase unha pasarela peonil para dar continuidade á beirarrúa esquerda sobre o río. Así mesmo, renovarase a canalización do saneamento para evitar verquidos no colector do río Lameira, que debe ser anulado no desvío de Ponte Zapal para continuará ata atopar o colector da Avenida do Exército e a Marina. Serán reconstruídas as acometidas das vivendas conectadas á rede actual e instalarase unha rede nova de abastecemento de auga cun ramal por cada lado da rúa.
Con respecto ao alumeado, apóstase por instalar luminarias eficientes para completar a calidade da urbanización. Ademais, haberá axardinamento con arborado composto por liquidambar dispostos cada dúas prazas de aparcamento.
O orzamento da actuación ascende a 240.584 euros, dos que a Deputación aportará 120.548 euros e o Concello de Marín outros 120.000 (obtidos do PPOS-15 da institución provincial). O prazo de execución será de tres meses a partir da adxudicación dos traballos.