O PP promove o recoñecemento ante a Unesco de Cortegada dentro do Parque das Illas Atlánticas
Por Redacción
O Partido Popular levará ao pleno deste mes de novembro unha moción para que Cortegada, dentro do Parque das Illas Atlánticas, sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. A idea busca enxalzar un recurso natural único como é a illa carrilexa, "do mesmo xeito que as demais que compoñen o parque nacional e non só as Cíes".
O grupo do PP na Deputación de Pontevedra xa presentou unha moción nesta liña no último pleno provincial, que se saldou co voto en contra do bipartito do goberno PSOE-BNG.
Ao acto de presentación deste sábado acudiron os deputados provinciais da comarca, Luís Aragunde e Salomé Pena, ademais do portavoz do grupo provincial, Ángel Moldes. Foi este último o que destacou que "esta é unha candidatura solidaria con toda a provincia, non como a de Vigo, que só aposta polas súas illas. Hai que pensar no ben dos cidadáns de toda a provincia, que é o labor dun organismo como a Deputación".
Pola súa banda, o presidente local do PP, Alfonso Gallego, rompeu unha lanza a favor do patrimonio existente na cidade: "A xoia que temos en Carril con Cortegada é moito máis que o maior bosque de loureiro de Europa. Hai que apostar por el e promocionalo, para que se vexa benificada Vilagarcía, O Salnés, Pontevedra e toda Galicia". O máximo mandatario vilagarcián insistiu en que "a liña para seguir é a marcada polo PP con esta moción que levará a pleno".
Esta moción presentouse xa en Bueu e farao este mes en Vilagarcía. Está previsto ademais que se faga tamén noutros municipios do Morrazo, ao ser as zonas directamente ligadas ás illas que conforman o parque nacional.