As obras da primeira fase do paseo marítimo de Vilagarcía comezan este luns e durarán tres meses
Por Redacción
As obras de reforma integral do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril, ao longo das praias da Concha, A Compostela e A Covacha, comezan este luns.
A primeira fase, do peirao do Ramal ata altura do Balneario e dende Carril ata o lavadoiro existente xunto á antiga fábrica de Fundicións Alemparte, terá unha duración de tres meses. A segunda, o tramo central, entre o lavadoiro e o balneario, se realizará nos primeiros meses de 2018 con cargo ao presuposto do Estado para ese ano, segundo o acordo ao que chegaron a dirección xeral de Costas e o goberno local.
O luns os operarios comezarán a retirar os centos de metros cadrados de lousa que ata agora marcan a estética do paseo e que tantos problemas deron a Costas e Concello, polas continuas roturas e consecuentes necesidades de mantemento e as queixas de moitos usuarios polos pequenos accidentes que provocaban.
A reforma integral do paseo foi unha das prioridades do goberno que preside Alberto Varela nos seus primeiros meses de mandato. Logo de varias reunións en Madrid e Pontevedra, o rexedor conseguiu por fin o compromiso de Costas para investir preto dun millón de euros nesta obra.
Igualmente, Varela conseguiu convencer ao ministerio da posibilidade de ampliar o carril bici dende A Concha ata preto do Carril, neste caso avanzando sobre a area. Para iso, será necesario, primeiro, rematar a reforma do paseo agora en marcha, e segundo, obter de Costas a desafectación dos terreos necesarios, esa franxa de area pegada ao paseo dende A Concha ata Carril.
Se Costas confirma ese permiso, as obras serían realizadas polo Concello cos seus propios fondos.