Falece un home nunha saída de vía en Vilagarcía de Arousa
Por Redacción
Un home faleceu a pasada noite en Vilagarcía de Arousa nunha saída de vía. Trátase dun mozo de 30 anos veciño de Tremoedo, Vilanova de Arousa, que responde as iniciais S.A.C.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, no turismo, un Renault Clío, viaxaban catro persoas máis. Tres delas foron trasladadas ao Hospital do Salnés con feridas leves e outra resultou ilesa.
O accidente ocorreu na rúa Víctor Pita, nunha ponte próxima á praia de Canelas. Un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro ao fío das 3:45 horas.
O vehículo arroiou unha árbore e un farol da iluminación pública. O falecido viaxaba nos asentos traseiros, xusto no lado onde o coche recibiu o maior impacto.
O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Vilagarcía, ao 061-Urxencias Sanitarias e a Protección Civil. Desde o CIAE tamén se alertou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).