240.000 euros para mellorar dous quilómetros dunha estrada pola que só pasan 16 coches ao día
Por Oskar Viéitez
O deputado de Mobildade Uxío Benítez defendeu este venres o proxecto de mellora de seguridade viaria elaborado polos técnicos da Deputación para a estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade.
Segundo explicou o nacionalista, este proxecto, que está adxudicado "e vaise comezar de xeito inmediato", é "comedido" porque a estrada é utilizada por unha media de 16 coches ao día, pero a pesar diso mellora substancialmente a proposta prevista polo anterior goberno provincial.
Benítez asegurou que o investimento pasa dos 150.000 euros aos 240.000 euros, a superficie de actuación pasa a unha lonxitude de dous quilómetros e incorpora nova sinalización e elementos de calmado de tráfico que antes non se contemplaban.
Ante as peticións do alcalde Jorge Cubela de ampliar a sección da estrada a nove metros e de anchear dúas pontes, manifestou que "é preciso lembrar que estamos ante unha estrada provincial que ten unha intensidade media diaria de vehículos de 16 coches, o que quere dicir que pasa un coche cada 90 minutos", segundo os datos do estudo de aforos realizado nos últimos meses pola Deputación.
"Eu pido sensatez ao alcalde Jorge Cubela. Pídolle algo de sensatez. Porque o territorio non se pode estragar desa maneira e porque os recursos públicos son limitados. É obriga de todos os representantes públicos velar pola eficiencia dos cartos públicos", insistiu o deputado.
Benítez lembrou que os técnicos provinciais foron explicar este xoves o proxecto aos veciños ante o inicio dos traballos, e estes atopáronse cunha actitude crítica por parte dos principais mandatarios do concello, que alentaron aos veciños a rexeitar o actual proxecto para a vía.
"Lamento a actitude do goberno municipal, en concreto do seu alcalde Jorge Cubela, porque coñecía perfectamente o proxecto que se ía realizar e aínda a semana pasada estivo no servizo de Mobilidade por outra actuación e en ningún momento transmitiu ningunha queixa por esta obra", sentenzou.