A xuízo por pedir indemnizacións a unha aseguradora por un accidente que a Fiscalía dí que non tiveron
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 21 de novembro a dous homes acusados dun delito consumado de estafa e outro de estafa procesual en grao de tentativa por reclamar unha compañía aseguradora polas lesións sufridos nun accidente de tráfico. A Fiscalia di que no momento do sinistro non estaban no coche.
O Minsiterio Fiscal pide un ano e nove meses de prisión e nove meses de multa a 12 euros diarios para o acusado I.V.M. como autor de ambos os delitos e nove meses de cárcere e a mesma multa para o outro, C.M.E., como cooperador necesario da estafa procesual en grao de tentativa. Ademais, o primeiro deles deberá devolver á compañía aseguradora os 647,78 euros indebidamente cobrados.
Os feitos ocorreron o 26 de xuño de 2013 en Bueu. Un condutor golpeou un vehículo que estaba estacionado e sen ocupantes mentres aparcaba o seu propio coche e causoulle danos. Non había ninguén dentro do outro coche, pero, xusto nese momento, chegaron ao lugar os dous acusados. I.V.M. dixo que era o condutor do vehículo danado e o condutor que causou o accidente asumiu a súa responsabilidade e facilitoulle os datos do vehículo e do seu seguro.
Despois deste accidente, o acusado I.V.M. reclamou á compañía aseguradora os danos sufridos no vehículo e tamén as lesións que dixo sufrir el mesmo e fíxoo, segundo o fiscal, "a propósito de que estaba a faltar á verdade porque ningunha lesión tivera, xa que non ocupaba o automóbil". A compañía aceptou a reclamación e indemnizoulle por danos persoais con 647,78 euros.
Meses despois, o outro acusado, C.M., interpuxo demanda contra a aseguradora pedíndolle tamén unha indemnización polas lesións derivadas do accidente, acompañando á demanda informes médicos xustificativos da súa pretensión "a propósito de que non se correspondían con ese accidente de tráfico". Actuou "coa necesaria colaboración de I.V. que se dicía condutor do vehículo".