Atopan un puñal de antena no xacemento do Monte do Castro
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta este venres en rolda de prensa que o equipo de arqueoloxía da institución provincial vén de achar o mango dunha espada, tamén chamada puñal de antena, no xacemento galaico-romano do Monte do Castro, en Ribadumia.
É unha peza de ferro, o que resulta singular xa que non é o material que se empregaba habitualmente para este tipo de empuñaduras, que normalmente se realizaban en bronce.
A peza, deste xeito, situaríase entre os séculos II ou I a.C. segundo a tipoloxía do obxecto e o contexto no que se atopou esta espada, xa que estaba pegada ao muro dunha cabana.
Este achado produciuse durante os traballos de restauración da parte alta do xacemento, a croa ou acrópole, de sete cabanas e un tramo da muralla de 25 metros.
Estas actuacións forman parte do protocolo asinado entre a institución provincial e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia.