As traballadoras de Kiddy's Class convocan folga para o Black Friday
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un grupo de traballadoras e sindicalistas reparten folletos informativos ás portas da tenda Kiddy's Class, da cadea Inditex, situada na rúa Peregrina. "Algúns se asustan e escapan", di unha das traballadoras ao comprobar que os viandantes evitan recoller os papeis nos que expoñen as súas reivindicacións. É a primeira vez que se atopan nunha situación similar pero víronse obrigadas a saír á rúa ante a "discriminación laboral" que, segundo afirman, están a sufrir.
Leticia Recamán, delegada de UXT en Kiddy's Class, en representación das 12 traballadoras que atenden o establecemento en Pontevedra, sinalaba que con estas accións están a demandar melloras salariais á dirección da cadea propiedade de Amancio Ortega. Asegura que Inditex alega que cada empresa do grupo é diferente e que, por tanto, debe ter distintas condicións laborais.
Con todo, as traballadoras entenden que é "absurdo" que elas cobren 200 euros menos que as empregadas de Zara Nenos cando venden os mesmos produtos. E pregúntanse como poden vivir con salarios de 800 euros mensuais cando o propietario da empresa é o home máis rico de España.
Se a comparativa salarial con outras tendas do grupo é grave, as condicións laborais tamén resultan sorprendentes nun xigante empresarial que rexistrou 5.569 millóns de vendas no primeiro trimestre deste ano alcanzando un beneficio do 18%. Sinalan que das 12 traballadoras en Pontevedra de Kiddy's Class, dez son indefinidas pero contratadas por 27 horas, a media xornada, e cuns horarios nos que resulta imposible conciliar a vida persoal coa laboral.
Afirman que se atopan sometidas a unha presión brutal e seis das traballadoras xa se viron obrigadas a solicitar a baixa por ansiedade. Piden as mesmas condicións que teñen nas tendas da provincia da Coruña. "Facturan menos pero contan con mellores condicións", afirma Leticia Recamán.
Na mañá deste venres continuaban as negociacións sen que se alcanzase acordo porque a empresa se nega a negociar varios puntos que reclama a parte traballadora, segundo fontes sindicais.
Ante esta situación, as traballadoras das tendas de Pontevedra convocaron unha xornada de folga para o vindeiro venres 24 coincidindo co Black Friday. Ven nas traballadoras de Bershka un exemplo para seguir, porque elas lograron os obxectivos que perseguían e as representantes sindicais alertan de que, se non cambia a política salarial e social de Inditex, o ano 2018 será de graves conflitos laborais na empresa téxtil.