Espina y Delfín instalará un colector de saneamento na zona de Mourelos
Por Redacción
A empresa Espina y Delfín instalará un colector de saneamento en Mourelos que dará servizo a seis vivendas desta zona da parroquia de Noalla.
O proxecto supón o investimento de 31.200 euros, que son financiados mediante unha axuda da Deputación de Pontevedra.
Na actualidade existen alguns lugares do termo municipal de Sanxenxo que aínda carecen do servizo de saneamento de augas residuais e é intención do goberno local levar a cabo as actuacións necesarias para instalar progresivamente devandito servizo naqueles sitios que carecen del.
As obras durarán aproximadamente un prazo dun mes e consisten na apertura dunha gabia para a instalación da canalización necesaria para a rede de saneamento de augas residuais, así como os seus pozos de rexistro e pequenas obras complementarias e, por último, unha reposición do firme afectado pola obra.
Para poder levar a cabo esta actuación foi necesario obter previamente unha autorización sectorial de Augas de Galicia, por estar a zona afectada por canles de rega de Mouros e tamén do Plan de Ordenación do Litoral, pola afección do corredor ecolóxico e mellora ambiental e paisaxística do plan de Ordenación do Litoral.