Os delitos descenden en toda a provincia, en especial os roubos de vehículos
Por Natalia Puga
A provincia de Pontevedra rexistra unha taxa de criminalidade inferior á media nacional e, á vez, máis baixa que un ano antes. Así se desprende do último balance de criminalidade facilitado polo Ministerio do Interior e correspondente ao período entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro deste 2017. Segundo as cifras achegadas, a taxa pontevedresa sitúase nunha 28.5 fronte ao 29.2 dun ano antes.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra facilitou as cifras desagregadas por localidades, que permiten concluír que Pontevedra capital rexistrou o maior descenso da provincia. Na cidade do Lérez rexistráronse nos nove primeiros meses de 2017 un total de 2.218 infraccións penais, un 3,1% menos que o ano pasado.
O dato contrasta co rexistrado en Vilagarcía, onde o número de infraccións penais subiu un 4,2% ao pasar de de 1.109 a 1.156 nun ano. En Vigo, as infraccións descenderon, pero menos que en Pontevedra, un 1,6%, pasando de 6.892 a 6.782.
As estatísticas refírense ao global de infraccións penais coñecidas polos distintos corpos policiais e contabilizan entre xaneiro e setembro un total de 20.407 na provincia. Este dato supón un descenso da criminalidade do 1,8% con respecto ás 20.786 do mesmo período de 2016.
O balance tamén mostra que o delito que máis se reduciu na provincia de Pontevedra foi o roubo de vehículos, que foi un 23,8% inferior a un ano antes. Tamén se reduciron un 0,7% os roubos con forza en domicilios e un 6,2% os furtos.