Montecelo habilitará áreas específicas para tratar os enfermos de gripe
Por Redacción
O plan de continxencia contra a gripe nos hospitais de Pontevedra e O Salnés xa está en marcha. Así o destacou o seu xerente, José Ramón Gómez, que avanzou que a principal decisión será habilitar áreas específicas dentro de Montecelo para atender os enfermos.
Esta medida, que tamén se implantará no hospital comarcal do Salnés, supoñerá que se instalen nos servizos de urxencias estas áreas, ás que serán derivados os pacientes que se sospeiten que teñen gripe. Será, en todo caso, segundo o estado clínico do paciente.
En concreto, o plan crea novos circuítos asistenciais no servizo de Urxencias de adultos e a modificación do circuíto asistencial en Pediatría durante a época de gripe, a informatización do proceso de ingreso, a axilización no traslado das mostras a analizar, o aumento dos recursos humanos en función da demanda, a mellora no circuíto de comunicación nos resultados e a habilitación de espazos adicionais en caso de abrocho.
A directora de Procesos Asistenciais, Sonia Fernández-Arruti, explicou que se procederá a separar os circuítos, de maneira que se facilitará o acceso a Urxencias a aqueles que entren con febre e se procurará axilizar a súa asistencia e ingreso, de ser o caso, "para que esperen o menos posible". Ademais, se fará uso de mascariñas e luvas para evitar contaxios nestas áreas para evitar a transmisión dentro do hospital.
Este plan de continxencia é un documento elaborado por un amplo equipo de profesionais dos servizos de Urxencias, Microbioloxía, Medicina Preventiva, Medicina Interna, Pediatría, Pneumoloxía e Admisión, co que se pretende evitar as consecuencias máis graves debidas á infección e previr picos de demanda pola gripe.
Con todo, José Ramón Gómez reiterou a "enorme" importancia da vacinación contra a gripe. Gómez asegurou que "é a mellor estratexia para afrontala" e afirmou que, como área sanitaria, "estamos preparados para afrontar esta situación porque o plan de continxencia ordena a asistencia nos momentos de maior demanda".
A día 15 de novembro, a cifra acumulada de persoas vacinadas na área de Pontevedra e O Salnés dende o inicio da campaña de vacinación antigripal acadou os 37.000 pacientes, o que supón 1.269 vacinas máis que o ano pasado neste mesmo período.
Relacionadas:
-
"Temos a responsabilidade de protexer aos nosos pacientes vacinándonos, para non transmitirlles a enfermidade"
Por Redacción |
-
O alcalde vacínase da gripe ao atoparse nun "grupo de risco"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Sergas activará o luns novas unidades no Hospital do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Unha campaña de vacinación antigripal de récord en Pontevedra: 29.000 pacientes en dúas semanas
Por Redacción |
-
O luns 23 comeza a campaña de vacinación para enfrontarse á gripe
Por Redacción |