VÍDEO.- Máis da metade dos estudantes da área de Pontevedra secundan a folga contra a LOMCE
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Máis da metade dos estudantes de terceiro e cuarto de ESO dos institutos da área de Pontevedra e ao redor do 50% dos alumnos de bacharelato e FP secundaron a folga convocada polo colectivo Erguer-Estudantes de Galiza contra a LOMCE durante este xoves 16 en toda Galicia.
Desde a organización convocante, os datos do seguimento superan o 85% no ensino secundario e consideran que tamén é elevada na Universidade, segundo manifestaba Paulo Queiruga, responsable de Erguer na comarca de Pontevedra, que destacaba que en centros como o IES de Poio, a convocatoria foi seguida polo 100% da comunidade de estudantes.
A xornada transcorreu sen incidentes nos centros educativos e, segundo os organizadores, non houbo presión por parte do profesorado para que os alumnos asistisen ás clases, aínda que si se mantiveron os exames previstos para esta xornada.
Ao mediodía, un grupo de ao redor de 300 estudantes protagonizaba unha manifestación polo centro de Pontevedra que partía da praza da Peregrina co obxectivo de reclamar unha Lei Galega de Educación. Piden un proceso participartivo no que se analicen as demandas tanto dos estudantes como de pais e nais, ademais do profesorado. Indican que queren unha lei que atenda ás necesidades de Galicia atendendo a cuestións pedagóxicas, científicas, democráticas e feministas. En Arousa tamén se celebraba unha concentración na Praza de Galicia, en Vilagarcía.
Sinalan que se organizarán máis mobilizacións ao longo do curso insistindo na retirada da LOMCE e solicitando a Lei Galega de Educación.