O acceso á praia de Lapamán desde a PO-551 será reformado en 2018
Por Redacción
Un dos puntos máis perigosos da estrada PO-551, entre Marín e Bueu, é o acceso á praia de Lapamán. De aí que a Xunta teña decidido actuar nel. Así llo adiantou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, nunha xuntanza que ambos mantiveron en Santiago.
O proxecto para reforzar a seguridade viaria nesta estrada pretende eliminar un treito de accidentes identificado na estrada e incluirá a mellora do viario entre Lapamán e o lugar da Portela, na parroquia de Cela.
Entre as actuacións previstas, xunto coa reforma do acceso á praia de Lapamán, está a habilitación de puntos seguros de cambios de sentido na estrada, a mellora da seguridade de paradas de autobús e a iluminación dos pasos de peóns.
Ademais, prevese executar un treito de senda de 200 metros que dará continuidade á que se prevé executar o vindeiro ano entre Lapamán e Vila Seca, no termo municipal de Marín.
Ademais de intervir no treito de concentración de accidentes, fóra do ámbito do mesmo, a Xunta vai actuar tamén nese mesmo viario entre Portela e Bueu.
Nesa zona vaise intervir para reforzar a seguridade das paradas de autobús e de catro pasos de peóns que se van dotar de sinais luminosas e iluminación específica que se active con pasos de peóns. Trátase dos pasos de peóns situados nos quilómetros 9 e 10 da estrada. Nun deles morreu atropelada recentemente unha nena de catro anos.
Esta actuación, cuxo proxecto se está xa a redactar, someterase a información pública proximamente, co obxectivo de licitar as obras no ano 2018.
OBRAS NA PO-315
Na xuntanza, a conselleira tamén informou ao alcalde de Bueu das actuacións previstas na estrada PO-315, onde no ano 2018 se construirán novas beirarrúas á altura entre os puntos quilómetricos dous e tres.
Ademais, nesa mesma estrada actuarase reforzando a seguridade mediante a sobreelevación de catro pasos de peóns situados na parroquia de Beluso, entre os quilómetros 2 e 4 da estrada.