Os sindicatos e o goberno local acordan o convenio colectivo para os dous próximos anos
Por Redacción
Despois de catro meses de negociacións, lideradas polo concelleiro de persoal, Marcos Guisasola, por parte do goberno e da totalidade dos sindicatos con representación no Concello (CCOO, CIGA, UXT, CSIF e RPLS) ambas as partes chegaron a un acordo sobre o convenio colectivo e o acordo regulador para os anos 2018 e 2019. Hai algúns aspectos do convenio que mesmo chegan máis aló do 2019.
O último convenio que se asinou no Concello de Sanxenxo fíxose en 2005, durante a anterior etapa de Telmo Martín como alcalde. Finalmente foi posible asinar un convenio colectivo e un acordo regulador para a entidade local, que inclúe a Policía Local, o servizo de Emerxencias e o organismo Terra de Sanxenxo. O asinado esta mañá abarca a máis do 98% do persoal do Concello, entre funcionarios e traballadores laborais.
Queda pendente da firma, a parte que corresponde ás empresas municipais, Nauta e Ínsula, que comparten unha base común co convenio asinado, pero, ao tratarse de empresas mercantís, teñen as súas propias particularidades.
O convenio inclúe subidas de soldo en función dos incrementos que contemplen os orzamentos xerais do estado, a consolidación do emprego que recoñece a todos os traballadores laborais o carácter indefinido dos seus contratos, establécense criterios de produtividade e recoñécese a nocturnidade no caso da policía e o servizo de emerxencias.
Ademais, contempla melloras como os catro días de ausencia ao posto de traballo por indisposición ou a flexibilidade na entrada e saída ao traballo para o coidado de fillos ou familiares ao cargo. Estes son só algúns exemplos de todas as melloras que contempla o documento asinado.
Relacionadas:
-
O convenio colectivo do persoal do Concello de Sanxenxo leva bloqueado tres meses
Por Redacción |
-
Sanxenxo propón unha subida salarial para 48 traballadores municipais
Por Redacción |
-
Sanxenxo presenta un orzamento de case 32 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Sanxenxo agarda ter novo convenio laboral, como moi tarde, a principios do outono
Por Redacción |
-
O PP considera unha "total pérdida de tiempo y de dinero" a auditoría de persoal do Concello de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |