Detida unha muller por roubar 4.000 euros en xoias
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron á presunta autora dun delito de furto de xoias nun domicilio de Pontevedra, unha muller de 35 anos de idade, veciña de Poio e con antecedentes por feitos similares.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, os feitos foron denunciados o día 30 de outubro, cando unha veciña de Pontevedra daba conta da subtracción no seu domicilio de múltiples xoias por parte dunha muller á que sorprendera na entrada da súa casa.
A propietaria observou á muller e ao preguntarlle pola súa presenza no lugar saíu fuxindo á carreira, caéndolle ao chan unha cadea de ouro da nai da denunciante.
Durante o transcurso da investigación a propietaria das xoias foi citada en dependencias policiais para efectuar o recoñecemento fotográfico dalgunhas das xoias localizadas polos axentes en diferentes establecementos de compravenda.
As xoias non puideron ser recuperadas ao expirar o prazo e ser enviadas a fundición.
Os investigadores iniciaron as pescudas e lograron descubrir a identidade da presunta autora, que foi localizada e detida por un delito de furto o día 10 de novembro ás 12.30 da mañá.