15 estudantes presentarán os seus proxectos fin de carreira no desfile Debut 2017
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
México terá un papel relevante nos actos organizados para a edición Debut 2017 coa presenza de Mónica Mendoza, directora de Deseño Téxtil e Moda en CENTRO, en México D.F. A concelleira Anabel Gulías sinalaba que a presenza desta destacada representante do mundo da moda en Pontevedra derívase da viaxe realizada a terras mexicanas por parte de representantes do goberno local e de empresarios da comarca.
Mónica Mendoza será unha das conferenciantes das xornadas que se inician o luns 20 de novembro no Espazo Nemonon cunha charla da estilista Cristina Pardo, ao día seguinte Ton Pernas, captador de novos talentos ofrecerá a súa visión sobre merchandising e dirección creativa. O técnico de museos no Museo do Traxe, Juan Gutiérrez, participará o mércores 22, un día antes que Mónica Mendoza, que será tamén xurado do gran evento do programa, o desfile Debut 2017.
Nesta ocasión 15 estudantes presentarán os seus proxectos fin de estudo, segundo sinalaba Lola Dopico, coordinadora do Máster de Deseño Téxtil e Moda en Pontevedra, na presentación realizada este mércores na Casa das Campás das actividades que se desenvolverán durante a edición de Debut deste ano.
Estes proxectos tocan diferentes estilos en coleccións sorprendentes que serán seguidas por diferentes especialistas e responsables de empresas de moda que virán a Pontevedra para entrevistar a estes estudantes coa idea de incorporalos nos seus persoais para realizar prácticas ou como traballadores. Lola Dopico destacou o investimento tanto persoal como económica que realizan os estudantes para acometer estes proxectos de fin de curso.
Os gañadores verán compensado este esforzo cun primeiro premio de 2.500 euros e un segundo de 1.500, cedido pola empresa de Jesús Peiró, que se dedica a traxes de noiva e que todos os anos conta con estudantes procedentes de Pontevedra.
O desfile Debut será o xoves 23 de novembro no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas. Para poder asistir, desde a sede do máster repártense invitacións para ocupar as máis de 1.500 cadeiras que se instalan no Recinto Feiral. En todo caso, Dopico insistiu en que a xente que estea interesada poderá achegarse ás instalacións porque estará aberto a todo o público.
As actividades de Debut 2017 complétanse cun seminario impartido por Ainhoa Chamorro e Sofía Sánchez-Moreno, unhas xornadas técnicas de Recursos Humanos e catro workshops a cargo de Silvia&Guy, Carla Hidalgo, Viviana Araújo e Ines Rir.
GRAO EN DESEÑO E CREACIÓN, EN 2019
A decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, que acudiu a esta presentación ao igual que Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra, indicou que se está a traballar para que no curso 2019-2020 se poña en marcha o grao en Deseño e Creación na cidade.
Silvia García destacou que un dos obxectivos que se busca é que os estudantes se integren na industria creativa e cultural con proxectos que se poden comprobar en Pontevedra, da que destacou que ofrece un "ecosistema social pefecto".