O PP volve denunciar que os camións de lixo de Poio prestan servizo na Illa de Arousa
Por Redacción
O Partido Popular fixo públicas fotografías dun vehículo de recollida de lixo de Poio baleirando colectores na Illa de Arousa durante os últimos días. Unha acción que se repite e que xa fora denunciada en abril deste ano, segundo expón o concelleiro popular de Medio Ambiente, Tucho Muíños, que considera un escándalo cada vez máis grave esta situación e que cualifica como un "compadreo de Sobral coa empresa pagada polos veciños" referíndose á adxudicataria sel servizo.
Muíños destaca que os veciños de Poio pagan a taxa máis alta de Galicia con 122 euros polo servizo de lixo que, segundo indican, só presta unha ou dúas veces á semana nalgunhas zonas do municipio. Denuncian que os camións adscritos ao servizo municipal realizan este traballo noutros concellos coas placas cos símbolos do Concello de Poio tapadas.
Os populares sinalan que as matrículas dos camións coinciden coas do servizo de Poio e afirman que están a incumprir un aspecto expresamente prohibido polo contrato no que figura que os camións e material deben ser de uso exclusivo no municipio de Poio, tal como figura no contrato polo que os veciños pagan 800.000 euros anuais.
En abril xa detectaran casos de camións que realizaban o servizo na Illa de Arousa e en Marín. Os populares afirman que noutros municipios impóñense sancións millonarias ás concesionarias por incumprimentos menos graves e, con todo, en Poio, o grupo de goberno de BNG e PSOE "tapan a Valoriza", empresa concesionaria do servizo.