Convocada unha folga estudantil no ensino secundario e universitario para o 16 de novembro
Por Anxo Lourido
O colectivo estudantil Erguer convocou unha folga de estudantes para este xoves 16 de novembro para reclamar unha Lei Galega de Educación e rexeitar a LOMCE, ao considerala unha norma clasista, privatizadora, que mantén á relixión dentro dos plans de estudo e centralista.
Este martes presentábase a convocatoria en Pontevedra coa presenza de Paulo Queiruga, de Erguer; Xacobe Rodríguez, representante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e os responsables comarcais do BNG e Galiza Nova, Anabel Gulías e Diego Moreira. Todos coincidiron en manifestar que continúan producíndose recortes no ensino público con aulas masificadas mentres se manteñen os concertos cos centros privados de índole relixiosa e que separan aos estudantes por sexo.
Por este motivo, Paulo Queiruga manifestaba a necesidade dunha Lei Galega de Educación consensuada coa comunidade educativa que atenda ás necesidades de Galicia, aos seus sectores produtivos para evitar a emigración de mozas a outros países. Ademais, os organizadores do paro reclaman que o sistema se base nunha avaliación continua en lugar de exames establecidos en datas concretas.
A xornada de folga de estudantes estará acompañada por actos de protesta na rúa nas 12 principais cidades e vilas galegas. En Pontevedra vai desenvolverse unha manifestación que comezará na Praza da Peregrina ás 12.00 horas do día 16 e que, tras realizar un percorrido polo centro da cidade, finalizará no mesmo punto. En Vilagarcía, á mesma, levará a cabo unha concentración na Praza de Galicia.