A Deputación presenta en Fairway as seis rutas a Compostela que transcorren polas Rías Baixas
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez; e alcaldes e representantes dos concellos de Barro, Cuntis e Portas deron a coñecer este luns a campaña 'Cruzando camiños', da que forman parte as seis rutas a Compostela que transcorren polas Rías Baixas.
A delegación pontevedresa fixo a presentación na segunda edición da feira 'Fairway', o segundo fórum con feira e congreso sobre o Camiño de Santiago, que se está a celebrar desde este domingo 12 ata este martes 14 de novembro do 2017 no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.
A presentación fíxose ante un grupo de touroperadores e prensa especializada en turismo e contou coa participación de dous peregrinos. Como complemento, presentouse a variada oferta turística que completa as seis rutas a Compostela.
As seis rutas deste proxecto son o Camiño Portugués tradicional, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata, a Ruta de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e a Ruta do Padre Sarmiento. Carmela Silva destacou que nas Rías Baixas están "os camiños máis especiais" e destacou que atravesan un territorio espectacular, con grandes paisaxes, unha natureza impresionante, praias idílicas, conxuntos históricos, pazos, igrexas e unha deliciosa gastronomía, con grande riqueza cultural, festas e unha lingua propia, o galego.
A presentación da campaña 'Cruzando Camiños' rematou cunha interpretación musical a cargo dos figurantes peregrinos que formaron parte activa do evento.
A Deputación está a desenvolver un papel activo na segunda edición da feira 'Fairway', onde conta cun stand promocional. Amais, a provincia de Pontevedra acolleu durante a pasada fin de semana un 'famtrip' protagonizado por un grupo de vinte xornalistas e touroperadores invitados á feira e participará mañá nunha mesa de debate sobre o Camiño Portugués.
Relacionadas:
-
Acordo unánime no Parlamento para mellorar a seguridade viaria no Camiño Portugués
Por Redacción |
-
A Deputación presenta o Plan Estratéxico de Turismo para o próximos tres anos
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e a Deputación centrarán os seus investimentos para 2018 no Camiño Portugués a Santiago
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Wi-fi de balde no Camiño de Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
Barro, Caldas, Campo Lameiro, Cuntis e Portas únense para promover o turismo
Por Redacción |