Comezan as obras dun novo paso peonil con semáforo na PO-308 ao seu paso pola Lanzada
Por Oskar Viéitez
O xefe territorial de Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díez, comprobou este luns, xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a instalación dun novo paso peonil con semáforo na PO-308 ao seu paso pola Lanzada.
Os veciños levan anos demandando a mellora da seguridade viaria neste punto da estrada situado nas Salinas. De feito, este novo paso de peóns dá servizo aos núcleos de A Revolta, Fonte de Ons e Tombelo, todos eles na parroquia de Noalla, que, grazas a esta nova infraestrutura, poderán contar cun acceso peonil directo á praia da Lanzada.
O orzamento total desta obra rolda os 60.000 euros
O acceso a pé á praia da Lanzada en época estival é moi elevado, sumando os visitantes e os veciños. A intensidade media de tránsito diario nesta estrada estímase que supera os 10.000 vehículos día, superándose nos meses de xullo e agosto, segundo datos da Xunta.
Aínda que se barallaron varias posibilidades coma un paso subterráneo ou un paso elevado, a elección final debeuse a razóns técnicas, funcionais, ambientais e económicas, matizou o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez. Decidiuse finalmente que a opción máis axeitada sería a instalación dun paso a nivel con regulación mediante semáforos de pulsador.
Para garantir a seguridade viaria dos usuarios do paso a nivel prolongarase a isleta física existente para que os vehículos reduzan a velocidade neste tramo, que quedará fixada a 30 quilómetros por hora, instalándose así sinais de limitación. Tamén se colocarán redutores da velocidade que poderán ser retirados en inverno cando non hai acceso á praia, de xeito que se interfira menos no tráfico. Finalmente, se instalarán dous semáforos, un por cada sentido, con pulsador de peóns e iluminación do paso mediante unha luminaria interactiva.
CRÍTICAS DE VANESSA RODRÍGUEZ
A edil non adscrita do Concello de Sanxenxo, Vanessa Rodríguez Búa culpou á consellería de Ethel Vázquez de atrasar esta dotación dentro da estratexia de bloqueo ao anterior goberno tripartito "amparándose nuns criterios técnicos que repentinamente variaron".
Para Rodríguez Búa a resposta é evidente. "A consellería de Ethel Vázquez atende esta petición porque está formulada por Telmo Martín. E o alcalde de Sanxenxo demostra así o seu peso ante as administracións gobernadas polo seu partido. Telmo Martín necesita facelo porque a súa credibilidade segue estando polos chans e a única forma que ten de lograr unha maioría absoluta en 2019 é convencer aos veciños de que pode manipular á Xunta para que destine fondos a Sanxenxo", asegurou.