A antiga escola de Barro será un espazo de convivencia veciñal
Por Redacción
O goberno municipal, seguindo co obxectivo de poñer a disposición da veciñanza os espazos e edificios públicos, estanse a executar obras nos terreos e no edificio da antiga escola do lugar de Barro.
As obras consisten na limpeza e peche da parcela, coa instalación dun parque infantil que conta cun orzamento de 13.158,75 euros e a recuperación do antigo edificio da escola, para crear un centro social que sirva para dinamizar a vida da parroquia.
Para estas obras na escola, o Concello vai investir máis de 37.000 euros e a comunidade de montes da parroquia aportará outros 10.000 euros que se utilizarán para ampliar as actuacións no edificio.
O Concello e a comunidade de montes asinarán un convenio onde, ademais de recollerse esa achega económica, o Concello porá á disposición da comunidade ese local para que o poidan utilizar nas súas actividades. Estas instalacións tamén poderán ser utilizadas polas distintas entidades e asociacións do resto do concello.
Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, este é "un exemplo máis" das actuacións que o goberno municipal ven facendo para poñer en uso instalacións municipais totalmente abandonadas, "para que os nosos veciños e veciñas poidan gozar delas".
Asegura que "crear espazos de convivencia e de relación social é fundamental para dinamizar a vida das nosas parroquias ao mesmo tempo que recuperamos elementos importantes do noso patrimonio".