Os xogos populares 'invaden' o recreo do colexio Vilaverde
Por Alejandro Espiño
Mestres, pais e nais e os propios alumnos. Todos a unha están decididos a revolucionar o patio de recreo do colexio Vilaverde. Para iso, neste espazo están a cobrar protagonismo os xogos populares cos que moitos gozamos cando eramos rapaces.
Unha vintena de voluntarios participaron neste proxecto, acordado entre a ANPA e a dirección do centro para pintar o patio do colexio e poñer aos pés dos cativos unha morea de xogos cos que pasar o tempo durante o recreo.
O colexio, recordan desde a asociación de pais, conta con 472 nenos que conviven nun recinto que ás veces resulta insuficiente para tanta criatura en movemento.
Por iso, a comunidade educativa decidiu distribuír os espazos onde o alumnado máis pequeno xogue guiado polo alumnado maior e os máis grandes compartan a zona de xogos de equipo sen conflitos.
Brilé, xadrez, mariola (peletre) ou petanca son algúns dos xogos que se van poder practicar en zonas delimitadas. A idea é poñelos a funcionar canto antes para fomentar a participación do alumnado na xestión dos espazos que lles toca compartir e facilitar a integración de todas as nenas e nenos nun patio efectivamente inclusivo e igualitario.
Ademais, repasouse a delimitación dos campos de balonmán, fútbol sala e baloncesto, xa que nalgunhas partes xa estaban totalmente borradas as liñas.
Durante os vindeiros días iranse completando os xogos dispoñibles co engadido do tres en raia ou un circuíto infantil.
Xunto cos maiores, os nenos, ademais de darlles as súas recomendacións, tamén se puxeron mans a obra para colaborar en mellorar as instalación do centro, participando no pintado de varios xogos.
Relacionadas:
-
Máis seguridade viaria para o ámbito do colexio Vilaverde
Por Alejandro Espiño |
-
O colexio Vilaverde xa ten nova caldeira
Por Redacción |
-
Pais do Vilaverde recollen firmas ante a falta de calefacción no colexio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Educación destina 442.000 euros para a rehabilitación integral do colexio Vilaverde
Por Redacción |