Expertos en duelo impartirán en Pontevedra tres cursos pioneiros en Galicia
Por Redacción
Tres cursos pioneiros en Galicia converterán a Pontevedra, ao longo dos próximos meses, nun lugar de encontro para todas aquelas persoas interesadas en mellorar a súa formación en materia de tratamento do duelo.
Están organizados polo Centro de Escucha San Camilo de Pontevedra e o Centro de Humanización da Saúde de Madrid.
Trátase de cursos abertos a todo tipo de público e, especialmente, aos propios voluntarios do centro de escoita, así como a persoal sanitario, de residencias, centros de día, servizos funerarios, psicólogos, asistentes sociais, profesores, monitores e persoas que traballen con nenos ou adolescentes.
O primeiro destes cursos, Intervención en duelos complicados, correrá a cargo de Ernolando Parra Parra e terá lugar os días 1 e 2 de decembro. Este licenciado en psicoloxía e máster en asesoramento en duelo e en intervención en crise abordará cuestións sobre que é un duelo complicado e as súas características, por que se complica un duelo e os factores que interveñen neste proceso, manifestacións clínicas e posibles pautas de intervención.
O segundo curso, Apego e perdas, impartirao o psicólogo e máster en duelo Valentín Rodil, os días 23 e 24 de febreiro; mentres que a doutora en filosofía e ciencias da educación, Consuelo Santamaría, poñerá o broche a estes cursos, con Escoitando aos nenos, os días 27 e 28 de abril do próximo ano.
Cada curso organízase en dúas sesións, venres e sábado, en horario de 17:00 a 21:00 horas o primeiro día, e de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas o segundo.
O prezo de inscrición é de 40 euros e hai prazas limitadas. Terán lugar nos locais situados no número 2 da rúa San Martiño, en Pontevedra.
Os interesados poden formalizar a inscrición no blogue da organización e, se o desexan, recibir máis información a través do teléfono 652 385 332 ou mediante correo electrónico.
Relacionadas:
-
Cando a axuda ante o duelo chega en silencio: "O maior consolo para un ser humano é sentirse escoitado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
RADIO.- A pandemia tamén está a atrasar moitos procesos de duelo
Por Marisa Ciordia |
-
As misas na basílica de Santa María serán traducidas á linguaxe de signos unha mañá de cada mes
Por Redacción |