Paralizan o despregue da compostaxe en Monte Porreiro ante a división veciñal
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal, ante a división que se está a detectar entre os veciños de Monte Porreiro, tomou a decisión de paralizar o despregue dos composteiros comunitarios que se estaban a instalar no barrio. Faino a petición da asociación de veciños O Mirador.
A decisión adoptouse logo da postura de veciños veciños que manteñen unha visión contraria ás localizacións dalgúns novos centros de compostaxe.
O Concello recorda que se seguiron criterios técnicos para a instalación desta primeira fase de composteiros e que, dentro das marxes que permitían as decisións técnicas, acordou cos representantes veciñais as localizacións definitivas.
Ante a discrepancia existente, sinalan desde o goberno, o Concello está disposto a negociar e atender as conclusións feitas polos veciños que rexeitan os lugares escollidos sempre que respondan a solucións tecnicamente viables.
"En ningún momento o goberno local pretende ser causa de enfrontamento entre os veciños", aseguran desde o Concello. Por iso, mentres se resolve esta situación, acorda paralizar o despregue dos composteiros comunitarios
Mentres tanto, o Concello continuará en marcha o proxecto da compostaxe comunitaria municipal noutros puntos do concello. Ademais, manterá os composteiros que xa están funcionando en tres puntos distintos de Monte Porreiro e nos que compostan arredor de 1.000 veciños
A pesar deste inconveniente, o Concello agradece a aposta decidida de Monte Porreiro pola compostaxe, algo que quedou de manifesto, segundo indican nun comunicado, na última reunión veciñal.
Iso si, o goberno lamenta que se demore a implantación dos avances económicos e ecolóxicos que suporía a posta en marcha deste novo sistema de tratamento dos residuos orgánicos deste barrio pontevedrés.