Vilagarcía imporá unha taxa ás compañías eléctricas e de gas
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa decidiu crear unha nova taxa impositiva que terán que pagar todas as compañías eléctricas, de gas ou de hidrocarburos que pasen os seus tendidos ou canalizacións por terreos de dominio público.
Esta taxa gravará as instalacións que estas grandes compañías utilizan para transportar e distribuír os seus produtos entre a cidadanía e que discorren polo dominio público municipal.
A redacción da ordenanza que regulará esta taxa foi contratada á consultora Noroeste Local S.L., especializada neste tipo de normativa.
A creación desta taxa en Vilagarcía faise tras estudar a aplicación da mesma en outros municipios galegos (Arteixo) e de España (Serradilla, en Cáceres e Villalcampo, en Zamora) e as recentes sentenzas do Tribunal Supremo avalando a súa legalidade.
Tras os recursos presentados por algunhas compañías, o Supremo recoñece a competencia dos concellos para catalogar como construcións as liñas eléctricas de alta tensión e as canalizacións de gas de cara ao cálculo da base impoñible da taxa por utilización do dominio público local.
Esta norma virá a implementar a ordenanza reguladora da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público que no seu apartado h) prevé o gravame de "outras ocupacións de subsolo, solo e voo da vía pública".
Ata o de agora, dentro deste apartado só se aplicaba a taxa ás empresas explotadoras de servizos e subministracións que afectan á totalidade ou a parte importante da veciñanza, e deben abonar o 1,5% da súa facturación anual no termo municipal.
Con esta medida quedaban fora as empresas encargadas do transporte ou distribución destes subministros, de aí a necesidade de crear esta nova ordenanza.
A creación e aplicación da nova taxa polos tendidos e canalizacións ás empresas distribuidoras de gas e electricidade suporá unha nova fonte de ingresos para as arcas municipais.