Na véspera de San Martiño os coles recenden a castañas
Por Redacción
Este venres, véspera de San Martiño, boa parte dos colexios da contorna aproveitaron para celebrar o tradicional magosto.
CEIP CARBALLAL
No colexio do Carballal, os alumnos elaboraron estes días o seu propio envase para castañas, tendo como tema para este curso "A maxia de comunicar". Tiveron de todo: envases en forma de radios, tocadiscos, micrófonos, caixas de correos, cartas, teléfonos móbiles, e ata dicionarios para non errar coas palabras. Todos eles foron elaborados con materiais de refugo (cartón, tapóns, xornais, revistas, restos de cintas, cordas, fíos, latas ou botellas).
Coma sempre, contaron coa colaboración da ANPA que asou as castañas nun novo tren que acaban de mercar e ademais deron bebidas para refrescarlles.
O magosto completouse cunha sesión de xogos populares: carreiras de culleres, de sacos, o pano, mariolas, a ra, o catro en liña, roubar o rabo, aros e xogos con paracaídas, polos que foron pasando todos os alumnos.
CEIP DE PONTE SAMPAIO
No colexio de Ponte Sampaio, mentres as mestras e o conserxe preparaban as castañas asadas, os nenos realizaron diversos xogos populares deseñados especialmente para esta actividade. Para superar as distintas probas a rapazada tivo que traballar en equipo, para poñer a proba a súa resistencia, habilidade e velocidade física e mental.
Despois dos xogos populares, os nenos estiveron degustando as castañas asadas e para rematar tiznáronse uns aos outros cos restos de cinza.
ESCOLA INFANTIL DO CAMPUS
Como colofón a unhas xornadas na que o outono constituíu o eixo das actividades que se desenvolven nas súas aulas, a celebración e o recendo a castañas marcaron este venres na Escola Infantil do campus. Coa colaboración das familias e do servizo de cociña do centro, os nenos puideron saborear nesta xornada os froitos máis populares do outono, nun magosto no que a degustación de castañas asadas e cocidas se completou con música e xogos.
Relacionadas:
-
O Catálogo do Arborado do Concello de Marín chega ao colexio Carballal
Por Redacción |
-
Música e castañas mestúranse no tradicional magosto de Trépia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Música, teatro e castañadas populares no San Martiño de Poio
Por Redacción |
-
Poucas castañas para moito magosto
Por Redacción |