Novos casos en Bora e Poio elevan a unha quincena os roubos no rural nas dúas últimas semanas
Por Natalia Puga
O rural de Pontevedra e a súa comarca segue sendo pasto dos ladróns. Este xoves 9 de novembro a Policía Nacional recibiu dúas novas denuncias por roubos en vivendas da parroquia pontevedresa de Bora e a Garda Civil outra por un novo caso no termo municipal de Poio.
Estes tres novos casos elevan a polo menos 15 os roubos rexistrados en zonas do rural de Pontevedra e Poio nas dúas últimas semanas, aos que habería que sumar outros casos puntuais en zonas próximas como Soutomaior ou O Salnés.
Fontes policiais confirmaron que os tres novos casos seguen a tendencia dos rexistrados nos días previos. En todos eles, os ladróns entraron á forza nas vivendas forzando portas ou xanelas e, unha vez dentro, levaron como botín diñeiro e xoias.
O modus operandi dos ladróns é similar. O habitual é que esperen á caída da noite e, a partir das 19.30 horas, se despracen ata algún punto do rural en coche e en cuestión de poucos minutos desmantelen as citadas casas. Aproveita momentos nos que os veciños deixan a súa casa para xestións puntuais, de modo que non se descarta que sometan ás vivendas a unha vixilancia previa.
A Garda Civil e a Policía Nacional manteñen abertas varias investigacións para aclarar o ocorrido e nos últimos días xa se puxo en contacto entre os distintos grupos de investigadores. Fontes consultadas indican que unha das hipóteses coa que traballan é que a autoría dos roubos sexa a mesma, dun grupo organizado e itinerante que recalou na comarca para cometer estes roubos.
Ata o momento xa hai constancia de roubos en varios puntos de Poio e, no caso de Pontevedra, nas parroquias de Marcón (lugares de Pazos e Valadares), Tomeza, Salcedo e Bora. En Bora, fontes veciñais indican que este xoves producíronse tres roubos, pero tan só dous veciños da zona de Quinteiro presentaron denuncia.
Esta onda de roubos sementou unha gran alarma entre os veciños do rural, que empezaron a compartir datos sobre o sucedido a través de redes sociais e grupos de whatsapp. Un que circulou nos últimos días alerta de que se sospeita que os ladróns viaxan nun vehículo Audia A4 familiar de cor azul escura e son de orixe romanesa. A Policía investiga todos estes datos e hipóteses.