Rodríguez Búa converterá en alegacións as suxestións dos veciños ao proxecto da PO-308
Por Redacción
A edil non adscrita da corporación local de Sanxenxo, Vanessa Rodríguez Búa, presentará un escrito, a modo de alegación, con todas as achegas realizadas polos veciños na reunión mantida a noite do mércores na Casa de Cultura de Dorrón e na que, ademais, mostrou os planos detallados deste proxecto.
A primeira apreciación detectada no proxecto é que está deseñado sobre uns planos de 2013, razón pola que posiblemente non aparece recollido un viario de nova apertura que vai parello á urbanización dun conxunto de chalés na zona de Areas. E nesta zona, os veciños consideran que unha media rotonda garantiría unha maior seguridade viaria.
A falta de protección ao peón, privándolle de beirarrúas en boa parte do trazado e mantendo espazo para o estacionamento de vehículos foi outra das cuestións que os veciños asistentes queren que sexan corrixidas. Neste sentido, suxiren ademais a retirada dunha franxa de aparcadoiro que o proxecto mantén nunha curva á altura de Nanín, por considerala especialmente perigosa.
O pintado de pasos de peóns, a eliminación de barreiras arquitectónicas e o acondicionamento dun espazo para situar unha marquesiña para o autobús escolar nos Cotos -unha demanda reiterada durante os últimos 14 anos- son outras das cuestións que Vanessa Rodríguez Búa trasladará á Xunta tras a reunión cos veciños, quen tamén botaron de menos medidas para acougar o tráfico.