En Tourón os coches xa poden pasar polo camiño do Eiteiral
Por Redacción
O camiño do Eiteiral, situado a continuación da casa reitoral na parroquia de Tourón, xa é transitable para os coches. Ata o de agora tiña unha anchura pouco maior dun metro e agora dispón de case tres metros e medio gracias ás obras realizadas polo Concello.
O goberno local fixo xestións diante do Arcebispado de Santiago para culminar unha vella petición veciñal. O alcalde, Andrés Díaz, mantivo unha xuntanza na sede arcebispal e conseguiu o permiso para ampliar este acceso, que dá servizo a tres vivendas.
O novo camiño, cunha lonxitude próxima aos 100 metros, está pavimentado en formigón e conta tamén con nova rede de recollida e evacuación de augas pluviais para evitar asolagamentos. Supón un cambio cualitativo moi importante para os residentes nesta zona.
Ao tempo, dá acceso a varias fincas que son urbanizables, pero que ata o de agora tiñan moi limitadas as súas posiblidades de desenvolvemento urbanístico.
O alcalde comprobou o resultado dunha obra que significou desmontar o muro de pedra e volvelo construír 2,20 metros máis alá da súa aliñación orixinal. A pendente do terreo obrigou tamén a excavar na rocha na parte baixa do camiño.