Os traballadores de Telefónica denuncian a destrución de emprego en Pontevedra
Por Redacción
A sección sindical da CIG en Telefónica celebrou este mércores concentracións diante das centrais desta compañía de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa para denunciar a redución de emprego na provincia, dentro da política de persoal deseñada para concentrar en Madrid e Barcelona, maioritariamente, e Bilbao, Valencia e Sevilla en menor medida, o plantel propio da empresa.
Isto excluirá a provincia de Pontevedra e a toda Galicia de participar na produción de servizos de telecomunicacións nos postos máis cualificados.
Os traballadores consideran "particularmente escandaloso" o traslado da dirección territorial de Galicia a Bilbao, efectuado no outono de 2012 e que "ten como consecuencia a extinción do emprego en Telefónica en Galicia que padecemos".
Como consecuencia desta política empresarial pasamos na provincia de máis de 1.100 empregados nos anos 90, ao plantel actual de 276 traballadores; en Pontevedra capital, de máis de 300 traballadores a 16 na actualidade.
Con estas concentracións os traballadores denuncian a "ameaza de peche" de centros de traballo na Estrada, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.
Ao mesmo tempo, denuncian o incumprimento da normativa laboral para aplicar esta redución de plantel, "actuando con arbitrariedade e precarizando as condicións de traballo", para sacar aos profesionais da atención directa ao público, "privando aos operadores de comunicacións de actividade propia das súas profesións, para adicalos a tarefas administrativas".
No entanto, din que Telefónica externaliza as tarefas "por medio de contratas máis precarizadas aínda, poñendo en perigo a calidade do servizo público de telecomunicacións, como está a amosar o abandono do servizo de telefonía fixa que sofren aínda as vítimas dos incendios forestais en amplas zonas da nosa provincia".
Ademáis denuncian tamén a "complicidade" da Xunta nesta deslocalización do emprego en Telefónica cara Madrid e Bilbao, "socio colaborador" da empresa "mediante cuantiosas subvencións (máis de 50 millóns de euros pola fibra óptica) sen contrapartidas en materia de emprego directo, ou para cubrir as carencias de cobertura e calidade do servizo".