Marea propón incluír no orzamento de 2018 un plan de emprego xuvenil
Por Alejandro Espiño
Un total de 102 persoas, todas elas menores de trinta anos, serían as beneficiarias do plan de emprego xuvenil que Marea Pontevedra propón que se inclúa no orzamento municipal para 2018. Será unha das principais propostas da formación, para a negociación que manterán co BNG para negociar a aprobación das contas.
O portavoz de Marea, Luís Rei, explicou que a taxa de paro en Pontevedra, aínda que descendeu nos últimos anos, caeu menos que outros concellos da comarca e, actualmente, hai aínda 6.152 demandantes de emprego na cidade que deben ser, dixo, unha "prioridade" na acción política municipal.
Ata agora, segundo Rei, o goberno local mantivo unha actitude "pasiva" sobre esta materia, xa que lembra que os 200.000 euros consignados nos orzamentos dos dous últimos anos para promoción de emprego non se gastaron.
O plan proposto por Marea tería un custo de 610.000 euros. Estaría destinado a persoas inscritas no sistema de garantía xuvenil e buscaría mellorar a empleabilidad dos mozos pontevedreses cunha formación homologada e certificada a nivel profesional.
Seis de cada dez beneficiarios serían mulleres e habería seis itinerarios para formación de nivel 2 (ESO) e de nivel 3 (bacharelato). Comezarán a impartirse a finais de xaneiro e os participantes, seleccionados a través de bases de datos públicas, cobrarían 350 euros ao mes.
Dentro da partida económica deste plan incluiríase o aluguer do local necesario para impartir a formación e o salario dos monitores. Ademais, Marea reclama que se destinen outros 100.000 euros para o "xermolo" dunha axencia local de emprego, xestionada por un coordinador e dous técnicos xa contratados con cargo a unha axuda da Xunta.
A media de inserción laboral destes plans de emprego adoita estar situada nun 30% dos participantes, pero Luís Rei prevé que se podería chegar ao 50% ao non haber experiencias similares en Pontevedra nos últimos anos.
O portavoz de Marea sinala que, para a negociación co BNG, o traballo previo realizado nos últimos meses entre ambos os partidos é unha "boa base de partida". Coa renda social "encarreirada", Marea achegará novas propostas trasladadas por colectivos veciñais e mocións xa aprobadas no pleno para "avanzar na súa concreción".
Relacionadas:
-
O Concello analizará "o que necesita a cidade" para elixir os cursos de formación do plan de emprego
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey non negociará co BNG o orzamento municipal
Por Redacción |
-
A metade dos investimentos municipais para 2018 será no rural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello asumirá a "gran maioría" das propostas veciñais ao orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local traballa nun orzamento de 74 millóns de euros que negociará de maneira "preferente" con Marea
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra conxelará por cuarto ano consecutivo todas as taxas e impostos municipais
Por Natalia Puga |