Meis adianta na Armenteira o plan de mellora dos parques infantís
Por Redacción
O Concello de Meis tiña planeado comezar en 2018 a implantar o plan que ten ultimado para mellorar os parques infantís do municipio. Con todo, unha actuación de emerxencia no equipamento da Armenteira obrigou a adiantar os traballos.
Todo partiu, segundo o goberno municipal, dun aviso veciñal que alertaba de deficiencias e danos no parque, utilizado a diario por máis de 50 nenos e situado ao carón do colexio.
Tras verificar os danos e ver o estado no que se atopaba o parque, o Concello decidiu acometer unha actuación urxente. Fíxose este traballo nun tempo record, xa que desde o aviso ata a súa reparación non pasaron máis de 72 horas.
Agora, o parque loce un novo colorido e máis seguridade nos elementos, pero o alcalde, José Luis Pérez, comprometeuse a seguir mellorándoo xa que hai elementos rotos que non se poden reparar e hai que cambialos directamente.
Ademais tamén en breve arrombarase os sebes do peche para que luzan aínda mellor.