O deputado David Regades supervisa en Ribadumia obras provinciais en beirarrúas e alumeado
Por Redacción
O deputado de cooperación, David Regades, acompañado do alcalde de Ribadumia, David Castro, visitou este martes diferentes obras financiadas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2016 e 2017.
En concreto, o deputado supervisou o remate dos traballos de construción de beirarrúas e alumeado público que se levaron a cabo na parroquia de Leiro, na marxe esquerda do vial EP-9305 dende o cruce da igrexa de Leiro ata a rotonda da PO-300.
As obras, orzamentadas en 50.185,56 euros, foron financiadas ao abeiro do Plan Concellos 2016, a través do cal o concello de Ribadumia recibiu máis de 400.000 euros, case un 16% máis de fondos que en 2015.
En canto ao Plan Concellos 2017, Ribadumia xa ten aprobado o 100% dos investimentos que lle corresponden, que para este ano son un 5,45% máis que en 2016.
En total, durante este 2017, a vila da comarca do Salnés recibiu un total de 455.965,02 euros cos que levou a cabo un muro de contención para a formación da senda peonil en Leiro; adquiriu unha fregadora limpadora e unha retroexcavadora minipala; actuou na rede de alumeado público de Leiro e Besomaño así como na rede de saneamento do Freixo, Sisán e San Andrés de Barrantes; sufragou os gastos de actividades como a programación do auditorio municipal de Santa Baia de Ribadumia e a exaltación do viño autóctono na XLV Festa do Viño Tinto do Salnés, e contratou a 12 traballadores para distintos servizos municipais.