Reclaman melloras de seguridade no cruzamento de Rouxique
Por Redacción
No cruzamento de Rouxique, en Vilalonga, prodúcense numerosos accidentes de tráfico. De aí que o BNG de Sanxenxo reclame melloras nunha sinalización vertical que consideran deficiente polos reiterados fallos técnicos no sistema de semáforos.
O instalado na vía de saída de Rouxique, segundo o BNG, só utiliza a cor vermella para indicar aos condutores que non poden acceder á estrada xeral que une Vilalonga coa Revolta e en ámbar cando poden circular.
Ao carecer de cor verde, os condutores entenden o ámbar como a cor que garante a seguridade na condución e acceden con confianza á estrada. O problema xurde en momentos no que un problema técnico impide o correcto funcionamento dos semáforos e todos eles amosan exclusivamente a cor ámbar, dando lugar a confusión.
No cruzamento de Rouxique os semáforos avaríanse con moita facilidade, denuncian os nacionalistas, acumulando nos últimos meses colisións de envergadura ao acceder os coches dende este cruce á estrada principal.
Por elo, dende o BNG solicitan a Telmo Martín que esixa á Xunta de Galicia, titular da estrada xeral, que dote este sistema semafórico da estrada de Rouxique do código de cores amplo, coas tres cores diferenciadas que permita aos condutores dispor de todas as garantías cando utilizan este cruzamento.