Gardas e sanitarios describen unha familia "inexpresiva" ante o escenario "dantesco" do crime de Mos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O 29 de decembro de 2015 todo o que rodeou á morte violenta de Marina Rodríguez na súa casa de Tameiga, no Concello de Mos, foi "dantesco". Así o definen os axentes da Garda Civil de Mos, Soutomaior e Pontevedra e os sanitarios do 061 que acudiron ao domicilio familiar e atoparon o cadáver tirado no chan da cociña, coa cabeza aberta, a casa con grandes niveis de sucidade e mesmo dous cans pasándolle por encima. Ante tal escena, o marido da falecida e o seu fillo, mostráronse "inexpresivos".
A escena definírona gardas e sanitarios este martes durante a segunda xornada do xuízo con xurado que se celebra na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra contra o marido da falecida, Florencio Alonso Calvar, de 71 anos, acusado dun delito de asasinato polo que a Fiscalía e a acusación popular consideran que debe ser condenado a 22 anos de prisión e a prohibición de residir no domicilio do crime e no muncipio de Mos durante os 27 anos seguintes.
Ao longo deste martes, pasaron ante o tribunal popular boa parte dos investigadores deste caso, do que finalmente se determinou que foi un crime machista cun único sospeitoso, o marido. O caso resolveuse a pesar de que, segundo relataron os gardas, non apareceu a arma do crime. Un dos investigadores da Policía Xudicial que acudiu esa noite ao lugar do crime relatou que se localizou o recinto da vivenda un pau cunha mancha que pensaron que podía ser sangue, pero, tras analizala, descubriuse que foi resina.
Marina Rodríguez faleceu tras recibir un golpe nas costas e polo menos tres na cabeza cun obxecto contundente mentres preparaba a cea no domicilio familiar no que vivía co seu marido e o seu fillo de 47 anos. O esposo e único acusado asegurou este luns que el chegou á súa casa e atopouna tirada no chan, pero os investigadores chegaron á conclusión de que foi el.
O sarxento do cuartel de Mos indicou que, entre outras evidencias e probas solicitadas, "no había otra persona allí que hubiese podido ser, tenía que ser él". Ademais, tiveron en conta os antecedentes policiais por violencia de xénero do procesado, pois, segundo revelou o sarxento, a muller presentara polo menos dúas denuncias contra el, aínda que logo retirounas, de modo que non ten antecedentes xudiciais, tan só policiais.
Este garda estaba no cuartel esa noite cando o acusado chegou "muy tranquilo" e contoulles que atopara á súa muller tirada no chan e necesitaba axuda e foi el quen alertou ao 112 e o 061 para que enviasen unha ambulancia á casa. Tras esa chamada, o marido volveu á casa e era a única persoa que estaba alí cando chegaron os servizos médicos.
Unha enfermeira da ambulancia do 061 indicou que, cando estaban a chegar á casa, viron chegar tamén ao fillo. Pai e fillo estiveron alí todo o tempo, ambos os "inexpresivos" e "sin ningún tipo de manifestación emotiva", segundo relataron a médica e a enfermeira. Á súa chegada, a porta estaba aberta e Marina Rodríguez tirada no chan da cociña, boca abaixo.
A muller presentaba "signos externos de violencia" e a súa conclusión foi que se trataba dunha morte violenta. Retiráronlle unha carapucha que lle cubría a cabeza e atoparon que tiña "el craneo estallado" e que se vía parte da masa cerebral.
Tras iso, saíron da casa e a porta pechouse tras eles. Cando pouco despois chegou unha patrulla da Garda Civil de Soutomaior, non lograron abrir e o fillo da falecida tivo que entrar por unha xanela e abrila desde dentro. Unha das axentes desta patrulla indicou que tivo que pedir ao fillo que retirase aos cans da casa, pois pasaban sobre o cadáver e que pai e fillo estaban "muy muy tranquilos".
Os axentes da Policía Xudicial que investigaron o escenario do crime indicaron que descartaron totalmente que na casa se producise un roubo, pois, entre outras circunstancias, non había sinais de que se revolvese ou movese algo e os mobles tiñan tal capa de po e teas de araña que era imposible que alguén alleo á casa andase por alí. A muller tiña "una herida contundente con estallido de cráneo".
Relacionadas:
-
O Estado deberá indemnizar un ancián que estivo 419 días en prisión por matar á súa muller e acabou absolto
Por Natalia Puga |
-
O xurado popular declara "non culpable" o ancián acusado de matar a golpes á súa muller en Mos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O acusado de matar a golpes a súa muller en Mos nega o crime e asegura que a atopou morta ao chegar á casa
Por Mónica Patxot & Natalia Puga | Creada e actualizada