Paz Lago reúnese coas asociacións organizadoras das cabalgatas do Nadal para evitar os problemas da última edición
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Cultura do Concello de Sanxenxo, Paz Lago, mantivo unha reunión con representantes das diferentes asociacións que organizan cabalgatas no municipio durante o nadal, como son a cabalgata de Dorrón, Noalla, Aios, Portonovo, Vilalonga e a que prepara a propia concellería.
Na última edición a Asociación "Os Raposos" de Aios non puido levar a cabo como o desfile que tiña previsto xa que a Garda Civil de Tráfico non autorizou a circulación das plataformas que estaban a usar.
Así, o obxectivo da reunión, á que tamén asistiu a Policía Local, foi expoñer todos os requisitos necesarios para poder organizar unha cabalgata. Cada organizador terá que presentar o percorrido exacto da mesma, un permiso de Tráfico no caso de ocupar algunha vía que non sexa de titularidade municipal e a póliza de seguro de responsabilidade civil do organizador.
Ademais, en cada unha delas farase unha listaxe do persoal que, voluntariamente, colabore co evento e asegure o peche das estradas polas que discorra. Todo iso seguindo as indicacións e pautas da Policía Local.
Identificaranse tamén todos os vehículos que formen parte da cabalgata, co modelo, matrícula e nome do condutor, que será maior de 18 anos e terá o permiso de conducir en vigor.
Agora as asociacións terán que reunirse e pensar a organización de cada unha das cabalgatas de maneira individual, estando a concellería á súa enteira disposición para asesorarlles e axudarlles no que sexa preciso.