Familias relacionadas coas asociacións Amencer e Xuntos súmanse a Patea Tapea
Por Redacción
O programa Rodando, ideado pola asociación de familias con menores con parálise cerebral pertencentes a Amencer ou con síndrome de Down a través de Xuntos percorría diferentes puntos de Ponte Caldelas. Trasladáronse por carreiros naturais dentro da iniciativa municipal Patea Tapea, que está deseñada para impulsar esta rede de carreiros intercomunicados do municipio.
Nesta ocasión, o obxectivo centrábase en ofrecer un novo formato cun espírito de integración social. O colectivo estaba integrado por varios menores que realizaron o percorrido en bicicletas adaptadas e algúns utilizaron cans-guía. A saída contou tamén coa participación de escolares de Ponte Caldelas que colaboraron en ofrecer un ambiente solidario e festivo.
A ruta iniciouse en Pazos e continuou pola estrada vella en dirección a Caritel, segundo informan desde o Concello de Ponte Caldelas. Alí recolleron landras durante un descanso na carballeira. Despois continuaron en dirección a Fraga e finalmente regresaron ata Pazos para gozar do tapeo no Asador do Chavo.