Esta é unha playlist de cinema. Porque a súa banda sonora practicamente mira á sétima arte. Porque o seu protagonista sempre adoita estar preto dunha cámara, sexa diante ou detrás. Porque o cincuenta por certo da vocación de Carlos Prado Pampín está na ficción. Ou porque a súa infancia e parte da adolescencia transcorreu entre películas.
Tamén é unha playlist de actualidade, a que relata nas súas informacións audiovisuais para laSexta. Unha profesión, a xornalística, que lle reportou moita intensidade á súa vida; moitas alegrías, ao poder achegar o medio ambiente aos seus espectadores e ata a súa actual parella.
É unha playlist que mira á parroquia marinense de Mogor, aos Prado Pampín, a Marité a perruqueira e o profesor Carlos. A Daniel Pampín, o seu avó que estivo sen durmir unha noite temendo ao día seguinte que un burro fariñeiro acabaríao tirando pola ponte de Tui abaixo. Daniel, ao que o seu neto converteu nun foraxido sen pistolas pero con chisqueiro en "O lume tiña un prezo".
E é unha playlist na que Carlos fala de Amalia Touriño e Aurita García, a súa avoa e unha veciña ás que o mozo converteu en adorables lesbianas de 80 anos nunha aldea galega. "Vellas" que foi finalista en 2008 nos Premios Mestre Mateo, finalistas no Festival de Cans e premio Curtas na Rede. Pasearon o glamour do autóctono subidas en chimpíns, entre selfies cos espectadores e a curiosidade dos fregueses máis veteranos.
"A man ou a máquina?", "Tebras", "Encontros na terceira idade", "Alí e alá","Currículum vitae"... curtas dun "cinema silente" que Carlos Prado foi moldeando desde que con dez anos colleu por primeira vez unha cámara handicam. De Vigo trouxo o título de operador de cámara e de Santiago a licenciatura de xornalista. Profesionalmente pasou pola prensa, a radio e a televisión.
Puido ser biólogo, pero aínda que a ficción e a realidade levárono por outros camiños, tampouco quedou de lado. Seguro que é un dos motivos polo que nunca esquecerá a súa experiencia profesional na Antártida. De alá trouxo a materia prima para o documental "Homes de xeo", que recentemente presentou no seu Marín natal e que tamén traerá a Pontevedra.
En definitiva, esta Playlist de PontevedraViva Radio, é a playlist dun mozo galego que estraña a choiva en Madrid e aletarga a morriña cun plano fixo da praia de Mogor. Xa o dixo Dorothy Gale no Mago de Oz... "como na casa, en ningún sitio".