Reconstrúen dous muros esnaquizados polos temporais entre Gaxate e As Ermidas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra está a piques de finalizar a reconstrución de dous muros na estrada provincial entre Gaxate e As Ermitas, no Concello de A Lama, unha obra necesaria para garantir a estabilidade da estrada despois dos danos producidos polos temporais, co afundimento dos noiros nunha zona moi próxima ao leito do Regueiro das Ermidas -afluente do río Oitavén-.
Segundo informou o departamento de Mobilidade da Deputación, xa se finalizou a instalación das paredes de pedra, este xoves instaláronse as biondas de seguridade e, na vindeira semana, se a climatoloxía o permite, extenderase o firme dos sobreanchos realizados.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, indicou que esta actuación de mellora da seguranza viaria ten un orzamento de 26.860,16 euros. A empresa adxudicataria das obras foi Construcciones Caldevergazo SL, que traballou na zona cun camión-grúa e unha miniretroexcavadora durante as últimas semanas. O prazo de execución previsto para os traballos era de dous meses, polo que a actuación finalizará antes do previsto.
Segundo os informes dos técnicos provinciais, a construción de sendos muros de sostemento e a colocación dunha barreira de seguridade está motivada principalmente polos danos na estrutura da estrada, que comprometía a estabilidade da mesma e a seguranza dos usuarios. Para a reconstrución dos noiros foi precisa a utilización de 14 camións de pedra (unhas 370 toneladas aproximadamente).