61 toneladas de forraxe para os gandeiros de Ponte Caldelas afectados polos incendios
Por Redacción
Unha empresa, dúas asociacións agrarias e uns veciños de Vigo a título particular achegaron as 63 toneladas de forraxe que o Concello de Ponte Caldelas repartirá entre gandeiros locais afectados polos incendios forestais.
O alcalde, Andrés Díaz, supervisou a descarga dos dous últimos tráileres e prepara xa a entrega aos destinatarios finais que se vai facer este mércores, a partir das 16 horas, nas instalacións da Hípica Amazonas, onde está almacenado todo o material.
Estímase que preto de 30 gandeiros, con explotacións de moi diverso tamaño, vanse beneficiar desta axuda municipal, totalmente gratuíta, e gracias á solidariedade chegada dende diferentes puntos de Galicia.
Os beneficiarios serán recibidos polo alcalde previamente, quen lles explicará os criterios para un reparto que non é nada sinxelo, pois a forraxe é de tres tipos distintos e chega tamén en tres formatos diferentes que resultan difíciles de dividir.
"Seremos flexibles ata o humanamente posible, pero tamén quero dicir que hai que ser agradecidos e que se hai forraxe gratis nestes días en que anda a prezo de ouro, é porque hai persoas sensibles na nosa Galicia", sinalou o alcalde.
O Concello estima que os trinta gandeiros locais dispoñen de 236 cabezas de gando (estimando como unidade unha vaca ou un cabalo e facendo equivalencia con cada seis ovellas ou cabras). O criterio para facer o reparto será o número de cabezas por gandeiro, tendo tamén en conta que dependendo do tipo de gando resulta idóneo un tipo concreto de forraxe.
Andrés Díaz agradece a todos os doantes a súa sensibilidade con Ponte Caldelas. En concreto, Forrajes Salnés doou 4 toneladas; uns veciños de Vigo que non queren ser identificados, outras 2 toneladas; a asociación de gandeiros de Lugo, Agromuralla, 17 toneladas, e, finalmente, a cooperativa de Produtores de Leite de Galicia, Prolega, con sede en Ferrol, outras 61 toneladas.
O Concello dispón así de 63 toneladas que se reparten en 24 pacas de herba seca, 34 rulos de dous tamaños diferentes e, finalmente, 61 bolas de silo -herba verde fermentada idónea para a alimentación do gando vacún-.
Relacionadas:
-
RADIO.- Cara a cara: Unha familia que rumorea aos cabalos?
Por Marisa Ciordia |
-
60 voluntarios seguen "acolchando" os montes queimados de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas homenaxea os "heroes da noite dos incendios"
Por Redacción |
-
As castañas chegan este ano a Ponte Caldelas máis solidarias ca nunca
Por Redacción |
-
Un exército de 200 voluntarios para reducir os efectos dos incendios en Ponte Caldelas
Por Redacción |