A sede do Campus Crea ocupará catro plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
Un total de 1.200 metros cadrados. É o espazo que a Universidade de Vigo ocupará na antiga delegación da Xunta de Galicia en Benito Corbal unha vez sexa reformado. As catro plantas superiores, entre a quinta e a oitava, converterase na sede do Campus Crea, o proxecto de especialización da universidade en Pontevedra.
Para recoller as últimas suxestións á rehabilitación do inmoble, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a quen lle avanzou que as obras comezarán a principios de 2018. A Xunta prevé que se poida inaugurar no primeiro trimestre de 2019.
Rueda destacou a importancia de que a universidade se vinculara con este proxecto e lembrou que será o organismo que máis espazo ocupe no inmoble, onde contará cunhas dependencias "modernas, rehabilitadas e no centro da cidade".
O reitor, pola súa banda, detallou o destino que terán as catro plantas que a institución educativa ocupará no edificio de Benito Corbal e onde se situará a "sede corporativa" do Campus Crea. Alí traballarán diariamente "entre 50 e 80 persoas" e estímase un movemento diario de usuarios que, en picos puntuais, podería alcanzar as 500 persoas.
Ademais, avanzou Mato, a universidade utilizará "moito" o salón de actos do edificio para as súas actividades e programas formativos.
A quinta planta do edificio será un "showroom", un espazo que segundo o reitor permitirá "visibilizar" proxectos creativos vinculados coas áreas de especialización do campus, poñendo en valor produtos de alumnos e investigadores.
Unha incubadora ou aceleradora de empresas instalarase na sexta planta, espazo que estará dedicado exclusivamente a "intensificar" a aposta polo emprendemento universitario. En concreto, acollerá proxectos do programa INCUVI e iniciativas impulsadas cos convenios asinados con asociacións empresariais da cidade.
As dúas últimas plantas, a sétima e a oitava, destinaranse á parte académica e investigadora do Campus Crea. Ademais de programas de doutoramento e laboratorios de investigación, haberá espazos para actividades formativas que, segundo Salustiano Mato, estará ligada a idiomas, educación de maiores ou cursos de especialización e extensión universitaria.
Con todo iso, engadiu, "queremos achegar a oferta académica do campus ao corazón da cidade".
Ademais das catro plantas para o Campus Crea, o edificio de Benito Corbal acollerá as oficinas de emprego da cidade de Pontevedra e destinará outras dúas plantas para que diferentes colectivos e asociacións poidan dispoñer dunha oficina na que traballar ou atender ao público. Todos os espazos terán unha entrada individualizada.
Relacionadas:
-
O 'Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sostible' consolida o campus CREA de Pontevedra
Por Redacción |
-
RADIO.- A mediación, un proxecto premiado por emprender e avanzar
Por Sara López Lago |
-
A reforma do edificio da Xunta en Benito Corbal, lista no primeiro trimestre de 2019
Por Redacción |
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal, en obras desde esta semana
Por Redacción |
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal, en reforma a partir de xaneiro
Por Redacción |
-
Forestais "non corre perigo", garante o rector, no novo mapa de titulacións
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta establecerá criterios "o máis obxectivos posibles" para repartir o seu edificio de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta licitará esta semana a rehabilitación da súa antiga sede en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O custo da reforma do edificio da Xunta en Benito Corbal superará os 5 millóns de euros
Por Redacción |