A Policía Local pon en marcha un operativo de tráfico nos camposantos
Por Oskar Viéitez
Os próximos, 31 de outubro e 1 novembro, con motivo dunha gran afluencia de persoas aos cemiterios, a Policía Local de Pontevedra activará un dispositivo especial nas inmediacións dos camposantos de Lérez e San Amaro.
- CEMITERIO DE SAN AMARO
- Co fin de facilitar o estacionamento a ambos lados, dado o escaso número de prazas de estacionamento é preciso desviar o tráfico nas inmediacións, deixando unha vía de entrada e outra de saída para evitar atrancos e retencións, de tal xeito que o acceso ao cemiterio farase dende a rúa San Mauro cara a rúa Camposanto. Impedirase o acceso de vehículos procedentes da rúa Pintor Laxeiro- Camposanto cara ao cemiterio desviando o tráfico a altura da rúa Pintor Ricardo Portela cara a Xoan Carlos I.
- CEMITERIO DE LÉREZ
- Permitirase o estacionamento no acceso ao cemiterio e o aparcadoiro, polo que se establecerá un sentido único de circulación, de tal xeito que o acceso farase polo interior habitual da zona da Piolla e a saída seguindo esta mesma vía cara o Outeiro onde se accede novamente á estrada de Campolameiro
POSTA A PUNTO
O departamento municipal de Cemiterios, que dirixe a concelleira Carme Fouces, afronta un proceso de renovación e implementación de medios co fin de mellorar o servizo de atención ao público, as condicións de traballo dos operarios e a súa xestión administrativa.
Para acadar estes obxectivos se está traballando na informatización do servizo o que abrirá as portas a súa incorporación á sede electrónica.
Por outra banda comezou o proceso de mecanización con nove plataformas de aluminio para achegarse aos nichos máis altos e está prevista a próxima adquisición dunha maquinaria para levantar as lousas de pedra.
O proceso de renovación do servizo de Cemiterios non esquece a proximidades das xornadas de Todos os Santos e Defuntos, polo que neste últimos días desenvolvéronse traballos de limpeza, poda e roza e de mantemento nos accesos e cemiterios municipais de San Amaro, Campaño, Bora e Ponte Sampaio, co fin de que todo estea en orde cara estas datas habituais de visita aos camposantos.
Ademais da posta a punto dos recintos incrementouse o número de contentores de lixo para atender ás necesidades especiais destas xornadas. Á poda e roza dos accesos e perímetros dos cemiterios, sumouse o tratamento con herbicidas, o arranxo de pavimentos e grava e o adorno con flores dos camposantos.
Relacionadas:
-
Os pontevedreses enchen os cemiterios para visitar os seus difuntos
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Coidado! Achégase o Día de Defuntos e regresan os ladróns especialistas en cemiterios
Por Redacción |
-
Música e poesía para unha 'visita singular' ao cemiterio de Santa Mariña de Dozo
Por Redacción |
-
VIDEO.- O cemiterio de San Amaro disporá dunha pradería para esparcir cinzas e un espazo para cerimonias civís
Por Oskar Viéitez |