A Ferrería volverá vestir de flores neste martes de Todos os Santos
Por Mónica Patxot
Tanto produtores locais como outros procedentes de distintos puntos da provincia instalan a partir das 22.00 horas da noite deste luns os postos para a venda das tradicionais flores de Todos os Santos na praza da Ferrería. Mañá terá lugar o tradicional mercado para levar flores aos cemiterios en memoria dos seres queridos.
Serán 53 os postos que se instalen na céntrica praza, a maioría procedentes da parroquia de Campañó, pero tamén proceden doutros puntos como Barro, Vilaboa, Poio, Sanxenxo, Marín, Valga, Moaña, Meis, Vilanova de Arousa, A Garda, Tomiño e Vigo, segundo informan desde o goberno local de Pontevedra.
O mercado de flores permanecerá aberto ao longo de todo o martes. Este luns, os vendedores de flores xa ofrecían os seus produtos na contorna do Mercado de Abastos.