Rías Baixas vendimou no Salnés 25 millóns de quilos de uva
Por Oskar Viéitez
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas dá por concluída a vendima 2017 con 39.339.272 quilos de uva recollida, un 17,8 % máis que na campaña anterior. Con estas cifras, a Denominación de Orixe Rías Baixas obtén a segunda vendima máis cuantiosa da súa historia.
A subzona do Salnés mantén a súa hexemonía co 63,82% da produción (supera os 25 millóns de quilos de uva), seguida polo Condado do Tea, O Rosal, Ribeira Ulla e, por último, Soutomaior.
Esta campaña comezou a mediados de agosto e finalizou a mediados de outubro. Púidose prolongar tanto no tempo porque "a meteoroloxía permitiu que se puidese realizar gradual e selectivamente, de maneira que as adegas puideron esperar ao momento óptimo en cada parcela", segundo explica o director técnico do Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador, Agustín Lago.
Lago considera ademais que "todo apunta a que será unha gran añada de viños", debido a que "a vendima este ano foi de libro, empezando polo estado fitosanitario da uva, os seus excelentes parámetros de calidade, así como o adecuado equilibrio entre grao e acidez", indica o director técnico de Rías Baixas.
Se algo caracterizou esta vendima foi o seu carácter madrugador, debido ás condicións meteorolóxicas na primavera-verán que causaron un adianto do ciclo vexetativo da vide e da maduración da uva. Ademais, as xornadas de choiva de principios de setembro, xusto antes do groso das tarefas de vendima, contribuíron a optimizar o comportamento do viñedo.
Esta campaña estivo protagonizada por 5.338 viticultores, que recolleron uva en 4.049 hectáreas para 184 adegas inscritas. Como xa é habitual nesta denominación, a produción das variedades brancas é maioritaria, cun 99,15% do total. Delas, a variedade Albariño é a raíña co 96,49% do total. Séguenlle a Treixadura, Caiño Branco e Loureira. E aínda que as variedades tintas só supoñen o 0,85% da produción, na presente campaña recolléronse 333.929 quilos de uva, na súa maioría na subzona do Condado do Tea. As variedades tintas maioritarias son a Sousón e a Brancellao.
Os máis de 39,3 millóns de quilos de uva recollidos permitirán elaborar algo máis de 26 millóns de litros de viño certificado para atender demanda dos viños Rías Baixas nos mercados galego, español e internacional. Na actualidade, os mercados exteriores supoñen máis do 28% da produción da D.O. Rías Baixas.
Esta foi a terceira vendima en que a denominación de orixe emprega o sistema de auditoría no que traballaron 25 auditores/veedores, seguindo así a normativa vixente. Agustín Lago explica que "este traballo garante a orixe e a trazabilidade en todas as fases da elaboración do viño". Neste sentido, asegura que o sector está plenamente profesionalizado e comprometido coa excelencia, o que redunda na calidade dos viños.
Relacionadas:
-
Unións Agrarias denuncia manobras para beneficiar ás grandes adegas prexudicando á maioría de viticultores
Por Oskar Viéitez |
-
Os viños de Rías Baixas, máis internacionais que nunca
Por Redacción |
-
A vendima xeneralízase en Rías Baixas con excelentes perspectivas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Inserción laboral a través da vendima
Por Redacción |
-
A vendima en Rías Baixas, a pleno rendemento
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- O Condes de Albarei Teucro vai de vendima
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |