O Banco de Alimentos en Pontevedra necesita voluntarios para a súa recollida solidaria do 1 e 2 de decembro
Por Oskar Viéitez
O Banco de Alimentos necesita para Pontevedra e comarcas máis próximas a uns 500 voluntarios para poder levar con éxito a súa Gran Recollida Solidaria, prevista o 1 e 2 de decembro.
"Pedimos a los ciudadanos de Pontevedra y su comarca tan solo cuatro horas de su tiempo", dixo o presidente da entidade, Pedro Pereira, para animar aos pontevedreses para sumarse a esta experiencia solidaria para "ayudar a las personas que peor lo están pasando". Pereira compareceu este luns en rolda de prensa acompañado do coordinador da campaña, Iván Martínez, e o responsable da delegación de Pontevedra, José Luis Doval.
Aquelas persoas que queiran participar como voluntarias do Banco de Alimentos terán que cubrir un formulario colgado na web da entidade ou inscribirse chamando ao 986 865301. O equipo de coordinación da ONG encargarase de ir asignando un supermercado a cada persoa que queira colaborar nesta iniciativa altruísta.
Nas distintas superficies comerciais "estaremos recogiendo alimentos a favor de las 25.000 personas a las que llegamos en la provincia", explicou Pereira, á vez que informou que os andeis dos seus almacéns "están practicamente vacíos". Cos alimentos que se prevén recoller durante eses 1 e 2 de decembro, teríase que poder abastecer, polo menos, ata a próxima primavera.
Na actualidade, o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra reparte comida entre unhas 35 entidades homologadas, a través das cales, chega a unhas 4.500 persoas con dificultades na súa zona de actuación. "Llevamos más de tres años repartiendo comida desde la delegación del Banco de Alimentos en Pontevedra y, cada vez, ayudamos a un mayor número de colectivos sociales o, lo que es lo mismo, a personas con dificultades de Pontevedra y comarca", sinalou Doval.
Uns 40 supermercados de Pontevedra cidade, así como de Sanxenxo, Marín, Árcade, Lalín e Vilagarcía participarán nesta iniciativa solidaria que, de maneira simultánea, levará a cabo en multitude de localidades españolas.
O coordinador da campaña, Iván Martínez, sinalou que o obxectivo na delegación de Pontevedra é igualar a cifra de 100.000 quilos de alimentos recolleitos durante a anterior edición da Gran Recollida Solidaria.
UNHA EMBAIXADORA PARTICULAR
Tamén este ano o Banco de Alimentos contará cunha persoa que dará un "impulso mediático" a esta campaña. O ano pasado foi o xornalista Fernando González, Gonzo, agora a substitución será tomado por "otro rostro más que conocido y comprometido con causas sociales". Dito personaxe público será desvelado o próximo 17 de novembro, durante unha visita que realizará á nave do Banco de Alimentos de Vigo e, xa pola tarde, trasladarase tamén ás instalacións do almacén de Faustino Santalices, en Pontevedra.
O Banco de Alimentos repartiu en Pontevedra e comarca uns 225.000 quilos de comida durante 2016, un 10% máis que o ano anterior. Esta cifra forma parte dos máis de 2 millóns de quilos de alimentos contabilizados e entregados en toda a provincia. Xa nos seis primeiros meses de 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo entregou preto de 1,2 millóns de quilos de alimentos na provincia de Pontevedra.
O Banco de Alimentos é unha entidade benéfica independente, apolítica, aconfesional e sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é axudar ás persoas máis desfavorecidas.
Relacionadas:
-
Decembro comeza coa gran recollida solidaria do Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
Carlota Corredera visita o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Fundación Provincial Banco de Alimentos recibe unha furgoneta doada por ENCE
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos recolle uns 3.500 quilos de comida na súa última Operación Quilo
Por Redacción |
-
A Garda Civil recolle 2.000 litros de leite para o Banco de Alimentos
Por Oskar Viéitez |