O Concello reducirá débeda e reformará Virxe do Camiño con cargo ao superávit de 2016
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal leva a pleno unha nova modificación de crédito. Segundo explicou o edil de Facenda, Raimundo González, trátase dos 2,7 millóns que faltaban por empregar do superávit que arroxou a liquidación do orzamento de 2016.
Repartirase case a partes iguais entre dúas actuacións, unha de carácter administrativo e outra orientada a financiar unha dos investimentos máis importantes deste mandato.
Así, o Concello prevé destinar 1,3 millóns a amortizar débeda. O goberno municipal opta por liquidar un dos créditos máis antigos que seguían vixentes, solicitado en 2010, e amortizar o 50% dun segundo préstamo.
Ambos contaban cuns intereses bastante elevados, cifrados no Euribor máis 1,9%.
Con esta operación, a débeda vida do Concello reducirase ata os 15.974.000 euros, un 22,5% do total de endebedamento permitido. Nesta cifra inclúense os préstamos solicitados por Pontevedra os dous últimos anos que, a efectos contables, non se inclúen nos datos remitidos a Facenda ao non estar consolidados.
O resto desta modificación de crédito, 1,4 millóns de euros, servirá para acometer a obra de reforma urbana na rúa Virxe do Camiño.
Será sufragada integramente con fondos propios e forma parte da estratexia para renovar os tramos urbanos do Camiño Portugués a Santiago, xunto co Gorgullón e a Ponte do Burgo. Estas dúas últimas actuacións serán sufragadas polos fondos europeos DUSI.
Relacionadas:
-
A reforma integral de Virxe do Camiño comezará a finais de maio
Por Alejandro Espiño |
-
O orzamento de Pontevedra crecerá en case un millón de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Once empresas optan a executar a reforma de Virxe do Camiño
Por Redacción |
-
Fernández Lores asina o préstamo de 2,5 millóns para mellorar a accesibilidade urbana e rural
Por Redacción |
-
Puigdemont e a Fundación Franco cóanse no debate económico do pleno
Por Alejandro Espiño |
-
2018 será o ano da reforma da rúa Virxe do Camiño e arredores
Por Redacción |