Conducir mal nas rotondas ten o seu castigo
Por Alejandro Espiño
As rotondas son, habitualmente, as vías por onde peor conducimos. Tráfico adoita incidir nelas durante as súas campañas de educación viaria. E si, infrinxir as normas nelas ten o seu castigo. Iso descubriuno un pontevedrés, que foi sancionado pola Policía Local.
Os axentes multaron este condutor o 27 de outubro de 2016 por acceder a unha glorieta sen ceder o paso a un vehículo que circulaba por ela. A infracción foi de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir.
O afectado decidiu presentar un recurso nos xulgados pedindo a nulidade da sanción. Alegaba que o feito non sucedera e na sanción, que non foi notificada no acto, non se recollía nin unha descrición do incidente nin os datos do outro vehículo.
O xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra estimou en parte este recurso e, aínda que mantivo a sanción de 200 euros, retirou a perda dos catro puntos.
Afirma a sentenza que dita infracción, segundo a lei de tráfico, non leva aparellada a perda de puntos. Iso si, advirte tamén que o feito de que non fose notificada no momento non supón, de ningún modo, indefensión na persoa sancionada.
Outro xulgado, o contencioso administrativo número 1, confirmou tamén outra sanción de tráfico. Neste caso mantén os 300 euros de multa e a retirada de tres puntos que se lle impuxeron a un home o 18 de novembro de 2016 por utilizar o móbil mentres conducía.