50.000 euros para renovar tres parques infantís de Ponte Caldelas
Por Redacción
A Deputación Provincial achegará 48.599,65 euros para subministrar e instalar xogos e mobiliario urbano aos parques infantís do edificio Sol, do Paseo Manuel Cordo Boullosa e da Praza Fray Antonio Orge, no Concello de Ponte Caldelas.
Segundo informou a institución provincial a través dun comunicado, trátase dunha achega no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de investimentos, e acaba de aprobarse por resolución presidencial.
En total, xa se aprobaron para Ponte Caldelas proxectos por valor de 501.441,98 euros, o 92% do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos este ano, 545.409,25 euros.
A Deputación xa destinou a Ponte Caldelas dentro do Plan Concellos este ano 318.017,83 euros para investir no inventario municipal e en maquinaria, para adquirir vehículos e mobiliario, para o subministro dunha cociña para o centro sociocultural de Chaín, para a rehabilitación dunha pasarela peonil, para o subministro de marquesinas e mellora de acceso a núcleos rurais, para a remodelación de palcos de festa, a adquisición de equipamentos de son e para a mellora da capa de rodadura do camiño de acceso á comunidade de montes veciñais e man común de Chaín.
Aprobáronse outros 16.940 euros para destinar a asistencia técnica para a contratación do servizo de xestión de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria e 117.884,50 euros para a contratación de 11 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais.