A xuízo un veciño do Grove por tentar matar o seu xenro e lesionar á súa filla cunha machada
Por Redacción
Un veciño do Grove sentará este martes 31 no banco dos acusados da Seccion Segunda da Audiencia Provincial como presunto responsable dun delito de intento de asasinato e doutro de lesións no ámbito familiar por supostamente tratar de matar o seu xenro cunha machada e de lesionar á súa filla cando acudiu na súa defensa.
A Fiscalía da Audiencia Provincial pide que sexa condenado a 14 anos de prisión e que lle impoñan unha orde de afastamento de 15 anos con respecto ao seu xenro e tres con respecto á súa filla. Tamén reclama que lle pague ao marido da súa filla unha indemnización de 7.210 euros.
Os feitos que se xulgarán esta semana producíronse o 29 de abril de 2015 na vivenda na que residía o acusado, xunto á súa esposa, a súa filla, o seu xenro e o seu neto de doce anos, e na que presuntamente había problemas de convivencia, segundo relata o fiscal.
Segundo consta no escrito de acusación, o procesado non quería que a súa filla e a súa familia residisen na vivenda familiar e esa noite entrou na cociña armado cunha machada e asestoulle ao seu xenro ata catro machadazos por detrás. O último golpe foi presenciado polo seu neto que, ante os berros do seu pai, entrou na cociña e pediulle ao seu avó que non matase o seu pai.
A arma rompeu e o acusado quedou con parte do mango de madeira na man. Nese momento, entrou á cociña a súa filla e el colleu o mango roto da machada e díxolle que "a ti tamén te mato", agarrándoa fortemente da roupa. Todos estes feitos tamén os presenciou o seu neto, de 12 anos.
Nun momento dado, o acusado saíu de casa para ir buscar outra ferramenta e a súa filla aproveitou para pechar as portas. Ao verse no exterior sen poder entrar, o procesado emprendeuna a machadazos coa porta á vez que lles dicía que "vos vou a matar os tres". Pouco despois, foi detido pola Garda Civil.