Andrés Díaz sopesa presentarse ás primarias para liderar o PSOE provincial
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas e líder do PSOE nesta localidade, Andrés Díaz Sobral, confirmou este domingo que sopesa presentarse como candidato a secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE no proceso de primarias que está a piques de abrirse (a presentación de candidaturas será os días 2 e 3 de novembro), pero condiciona a decisión final a como se estean a desenvolver esas primarias e a candidatura que poida presentar.
O rexedor confirma que nos últimos meses recibiu numerosas peticións de compañeiros de partido para que se presente e explica que tomará a decisión cando abra o prazo de candidaturas, pero non baseándose nos apoios que xa sabe que lle darán moitas persoas do partido, senón "en base ás posibilidades de que a súa candidatura serva para consolidar un PSdeG-PSOE forte na provincia, cun novo estilo de liderado no que todos se sintan representados".
Condicionará esa decisión a que a candidatura que opte a liderar aos socialistas pontevedreses "ofreza unha importante capacidade de traballo a prol das agrupacións locais, que estiveron soas e completamente abandonadas dende hai bastante tempo".
Na súa opinión, o aparato provincial é na actualidade inaccesible e illado para os militantes e "debe ter as portas abertas e traballar arreo para tirar para adiante das agrupacións locais, ofrecéndolles atención, servizos de calidade e mesmo consellos".
"Eu só darei o paso se teño a sensación real de que comigo pódense superar diferencias, pódense superar carencias e pódense superar algunhas tendencias que creo que foron profundamente erróneas", indica Andrés Diaz, que engade que está en disposición de ofrecer a experiencia de Ponte Caldelas, onde atopou unha agrupación local moi feble e "hoxe as cousas teñen cambiado moito".
Andrés Díaz considera que o cambio de rumbo ideolóxico do PSOE está completado coa elección de Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero como líderes a nivel estatal e autonómico, dous candidatos aos que el apoiou desde o primeiro momento porque estaba convencido de que o partido necesitaba virar cara a esquerda e conectar coa sociedade. Rematado o combate ideolóxico, "agora toca elixir un secretario ou secretaria xeral provincial que veña a arremangarse porque hai que recuperar todo o que non se fixo nos últimos anos",